Thursday 02 de May de 2024

O camiño da diabetes amósase en formato de exposición fotográfica na Pobra


A Orixe: a diabetes, un camiño de vida. Este é o nome da exposición fotográfica que chega á casa da cultura Raquel Fernández Soler da man da Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia), coa colaboración da Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e do Sar A Orixe.

Este proxecto, que conta con financiamento da área da Cultura da Deputación da Coruña, pretende amosa-la realidade das persoas con diabetes e as súas familias dende ese punto de partida que representa o diagnóstico, dende a orixe, para retrata-las diferentes etapas desa nova senda por percorrer. “Únense aquí cultura e sanidade. A través dunha disciplina artística como é a fotografía, revélase o día a día de quen padece esta enfermidade”, explicou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, durante a inauguración, na tarde deste 19 de abril, na compaña da presidenta da Anedia, María José Rego, e demais representantes da entidade.

Para ese labor, o fotógrafo Víctor Manuel Martínez, coñecido como Pichero, captou instantáneas do camiño A Orixe, que exercen de fío condutor, acompañadas de textos sobre distintos aspectos da vida con diabetes.

A mostra integrada por 24 imaxes permanece ata o día 7 de maio na dita instalación municipal, coas visitas no horario das 11.00 ás 13.30 e das 17.00 ás 20.00 horas.

Deja un comentario